15 de febreiro de 2016

Palabras do mes de...

A mediados do mes de Novembro comezamos cunha rutina nova para o encargado: “A palabra do mes de________”
Cada día, o encargado ou encargada escribe o seu nome, escribe o día do mes no que estamos e escribe a palabra que queira.
Agora que xa temos as palabras de varios meses vese cómo foron mellorando e as palabras que se lles foron pasando pola cabeza. 
Foron empregando as letras minúsculas que ían aprendendo, por iso nalgunhas palabras mesturamos ás veces maiúsculas e minúsculas. 
Algúns escribiron as palabras sós, outros escoitándoas dicir despaciño e oíndo os sons, outros escribían según as dictábamos entre todos, e algún copiounas.
Algunhas palabras estaban relacionadas con cousas da clase ou do que estabamos traballando, outras con cousas que nos gustan ou con cómo nos sentíamos, palabras que críamos que saberíamos escribir sós...
Moitas deron para falar delas despois, como cando escribiron fútbol e baloncesto e saíu o tema dos deportes e o xénero. Grazas a isto abriuse un debate sobre gustos, sobre qué se nos da ben ou mal. Os desacordos e a curiosidade de algúns levounos a ver uns vídeos dunhas futbolistas dominando o balón e duns rapaces campións de ximnasia rítmica. Foi moi interesante este debate, os cambios de opinión e cómo valorabamos despois esta cuestión.
Outro día saíu a palabra Dakar e aproveitamos para buscalo no noso Atlas e ver ónde estaba. 
Houbo palabras moi difíciles de escribir que nos custaron un montón e outras que saían soas.
O máis importante e que todos os días estamos desexando escribir a palabra do mes!



Ningún comentario:

Publicar un comentario

Comentar é gratis!